Lanzamos este chamamento para que, recuperando as semanas de actividades das Alianzas pola Soberanía Alimentaria e no marco do traballo da Vía Campesina a nivel internacional, en cada territorio haxa algún tipo de actividade durante a semana do 17 de abril, día da loita labrega, ou na seguinte semana. É dicir, que haxa actividades do 14 ao 27 de abril.
Este ano, esperamos que haxa moitas organizacións en moitos territorios que se animen a sentirse parte desta voz e movemento amplo que quere ser Plantámonos.
Por que
Porque é necesario que o mundo rural, os pequenos e pequenas produtoras, e a sociedade en xeral teña unha voz propia que defenda a soberanía alimentaria e a agroecoloxía labrega. Unha voz que diga en voz ben alta que os problemas do campo son “Mercadona, Carrefour, Danone, Lactalis, El Pozo, Fertiberia, BASF e Bayer”, e tamén o son os acordos de libre comercio feitos para a especulación agroalimentaria e os megaproxectos que destrúen os territorios rurais.
Para que
Para nod sentir acompañadas, para que as resistencias de cada territorio deixemos de nos sentir illadas e atafegadas ante as ameazas directas dun modelo produtivo que asfixia as pequenas e pequenos produtores, ante as ameazas do neoextractivismo, e ante a penetración de discursos neofascistas e negacionistas. Para que se nos escoite en cada bar de cada vila, en cada barrio, en cada cooperativa, nos supermercados, nos concellos e ministerios. Para que deixemos de nos sentir apartadas por quen se quere apropiar da voz do rural desde un modelo agroindustrial que aplica ou ameaza con violencia as débiles e garda silencio ante a grande industria, os grandes supermercados e os bancos.
Quen
Todas as plataformas, colectivos, organizacións, grupos de consumo, escolas, proxectos produtivos e calquera grupo que defenda o seu territorio, a soberanía alimentaria e a agroecoloxía labrega.
Que
- As actividades poden ser desde unha charla nun centro social, unha comida popular, unha nota de prensa local, unha acción directa…, o que queiran e poidan facer.
- Por se é de axuda, proporémosvos unha choiva de ideas e materiais para usar nesas semanas, e que todos os territorios manden as súas propias ideas para as colectivizar.
- Non se trata de duplicar nada senón de que, onde xa hai movemento e se vos parece ben, esas actividades territoriais ao redor do 17 de abril se integren en Plantámonos para ter máis repercusión e sentírmonos máis arroupadas e fortes entre todas.
- O obxectivo tamén é que, onde faga falta, Plantámonos sexa unha escusa e un impulso para que se fortalezan ou se empecen a crear articulacións máis fortes.
- Recoméndase que as accións teñan, ademais dun carácter reivindicativo, un carácter festivo, para que en cada territorio vivamos a alegría de facer cousas xuntas.
Como
- Esas actividades estarían baixo o paraugas de Plantámonos e así Plantámonos poderá ser a voz amplificada de todos os territorios cunha denuncia forte e colectiva ante as ameazas e desastres que estamos a sufrir, e visibilizar as cousas bonitas, ofrecer un marco colectivo para facer cousas coordinadas.
- A xente que xa estades en cada territorio tendes que valorar as vosas enerxías para facer o que vos pareza máis oportuno. En ningún caso se trata de lle dicir aos territorios o que teñen que facer.
- Todas as actividades terán un espazo na páxina web nosplantamos.org para difusión previa das actividades como para difusión das actividades xa realizadas: colgaranse as noticias, fotos, vídeos ou chamamentos de cada territorio.
- Plantámonos lanzará unha campaña global que aglutine e dea cobertura a todas as actividades que se realicen nesas dúas semanas, dándonos voz e visibilidade colectiva para confrontar e denunciar a barbarie que sufrimos.
- Quen teña interese en formar parte de Plantámonos e facer algún tipo de actividade para esas “semanas de loita”, que nolo faga saber para nos coordinar coa Comisión de Comunicación e coa Asemblea: info@nosplantamos.org
- Darémosvos información concreta en breve, pero vos animamos desde xa a empezar a pensar e a falar coas compas que xa participan en Plantámonos!!!
Cando
Efectivamente, do 14 ao 27 de abril de 2025!!!! ;)))